A praza do Obradoiro acolleu o encontro interinstitucional que serviu para aunar esforzos e mostrar o compromiso das Administracións públicas na colaboración para a promoción e o impulso do Camiño de Fisterra e Muxía no Xacobeo 2021-2022.

Os representantes políticos mostraron a súa aposta unánime no impulso desta prolongación do Camiño. A presidenta do CMAT, Mónica Rodríguez, destacou que “o encontro serviu para fomentar e intensificar a relación e os lazos de colaboración entre a CMAT, entidade que xestiona a promoción do xeodestino Costa da Morte, e as entidades involucradas na promoción turística no eido local, provincial e autonómico”.

Destacou que o Camiño a Fisterra e Muxía, neste Xacobeo, “será o noso gran reclamo para dar a coñecer tamén o patrimonio, natureza e cultura que ofrecen os concellos que forman parte da CMAT, unha entidade sen ánimo de lucro que integra tamén os diferentes axentes locais, públicos e privados, coa finalidade de desenvolver este territorio en materia turística”.

A CMAT tamén presentou no encontro a campaña O Camiño Continúa, que dará un impulso á promoción do Camiño de Fisterra e Muxía co apoio de bloggers especializados en viaxes. Eles vivirán a experiencia do Camiño e darano a coñecer nos seus blogs e nas súas redes sociais, que chegan a uns 130.000 seguidores de todo o mundo. Son Bo Saldaña, de El mundo ok; Leticia Pérez, de Trucos viajeros; Eva Abal, de Una idea un viaje; Dani Keral, de Un viaje creativo; e Alberto Ribas, de Al vientooo.

O venres, día 17, está prevista a súa chegada a Muxía. Cada profesional pasará a fin de semana en diferentes zonas da Costa da Morte e compartirá a súa experiencia cos seus seguidores nas súas redes (Instagram, Twitter e Facebook) e blogs. O Camiño Continúa, campaña coordinada polo blogger Alberto Ribas, quere difundir, promocionar e impulsar esta ruta como destino turístico e, tamén, aproveitar esta vía xacobea para que os peregrinos visiten e coñezan o patrimonio, a natureza e a cultura da zona.

Os xestores dos cinco blogs especializados en viaxes e que son referentes na blogosfera española aloxaránse e utilizarán servizos turísticos asociados á CMAT, en colaboración coa Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). Durante a andaina dos bloggers pola ruta xacobea que leva ata Muxía e Fisterra incorporaranse ao Camiño diferentes axentes locais para contribuir á súa promoción e difusión, en coordinación cos concellos. Costa da Morte Asociación Turística gravará unha reportaxe, que será empregada como reclamo turístico na rede.

Está previsto que a campaña O Camiño Continúa chegue aos 130.000 seguidores das redes sociais (Instagram, Facebook e Twitter) de Bo Saldaña, Leticia Pérez, Eva Abal, Dani Keral e Alberto Ribas, todos especializados en viaxes. Os seus blogs contan con máis de 475.000 visitas mensuais (El mundo ok, 80.000; Trucos viajeros, 26.600; Una idea un viaje, 180.000; Un viaje creativo, 125.000, y Al vientooo, 65.000). Para non perder detalle, a experiencia de O Camiño continúa pode seguirse nos blogs e perfís das redes sociais tanto dos bloggers coma da CMAT (Instagram, Twitter e Facebook).

No encontro, impulsado pola CMAT, participaron Gumersindo Guinarte, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, José Manuel Pequeño, e a presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez e o vogal José Marcote, así coma os membros do equipo da CMAT Marta Rodríguez e Manuel Carneiro e Irene González.

A iniciativa inclúese no programa de axudas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competividade e actividades turísticas no 2021

Fuente: El Correo Gallego

Translate »
×

Contacta con nosotros:

× ¿Cómo puedo ayudarte?