A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración cos quince municipios membros e a Deputación da Coruña, vén de poñer en marcha un proxecto para a creación dunha rede de establecementos hostaleiros emprazados ao pé do Camiño que ofrezan unha atención de calidade aos peregrinos que empregan a Ruta. Unha iniciativa que nesta fase inicial está aberta á participación dun máximo de 32 negocios, dous por cada municipio que forma parte da Asociación, e que deberán enviar as súas solicitudes por email (xerencia@caminoingles.gal) antes do 15 de decembro.

Nestes momentos, dende a Asociación estase a realizar unha diagnose da situación de partida en colaboración cos 16 municipios membros, identificando proxectos de carácter local relacionados coa gastronomía quilómetro cero (como os da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo) e visitando unha mostra de empresas situadas a pé do Camiño. Con esta información elaboraranse as bases reguladoras da rede, que establecerán os requisitos de calidade, sostibilidade, prevención da covid-19 e emprego de produtos locais que deberán cumprir os establecementos adheridos. Paralelamente, estase a deseñar a imaxe de marca que representará á rede.

Nesta fase inicial de constitución da rede poderán adherirse un máximo de 32 establecementos, dous por cada un dos concellos que conforman a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. A convocatoria, que estará aberta ata as 14.00 horas do 15 de decembro, está aberta a aloxamentos, restaurantes e cafeterías con servizos de almorzos, comidas e ceas que estean situados a non máis de 200 metros do trazado do Camiño Inglés. En caso de que nun municipio haxa máis de dúas solicitudes valorarase que o local conte habitualmente con peregrinos como clientes, que empregue produtos agroalimentarios e/ou pesqueiros de proximidade, que estean comprometidos co medio ambiente, que teñan interese no traballo en rede, que conte con medidas implantadas para a prevención do contaxio pola covid-19 e que estea disposto a crear un menú especial para os peregrinos baseado en produtos locais.

As empresas que desexen formar parte da rede deberán solicitar o modelo de adhesión a xerencia@caminoingles.gal. A Xerencia da Asociación de Concellos do Camiño Inglés enviaralles a documentación para que a cubran e lla envíen de volta axuntando copia do DNI do representante legal da empresa e o CIF da mesma. Seleccionaranse as dúas primeiras empresas que envíen o formulario de cada concello e que cumpran cos criterios de selección establecidos. As demais empresas formarán parte dunha base de datos desta entidade supramunicipal xacobea para futuras incorporacións.

A xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, explica que “as empresas adheridas a esta rede terán unha serie de vantaxes e un tratamento preferente en canto ás actividades que leve a cabo a asociación como inclusión gratuíta nos soportes de difusión e promoción da entidade, participación nos programas de formación e capacitación ou presenza en feiras de turismo, eventos e viaxes”.

Fuente noticia: El Correo Gallego

Fuente imagen: Viajes National Geographic

Translate »